lunes, 3 de septiembre de 2012

A Razón: PP, PSOE e BNG perden 1/3 dos votantes

Aínda non se presentaron as candidaturas e xa saíu a primeira enquisa electoral para as galegas do 21 de outubro. O PPSOE baixa 10 puntiños, o que non está mal, e a abstención sube outros 10 puntiños, iso debéramos loitar por mudalo.
Para dármonos conta da importancia da abstención, lembremos os resultados das pasadas eleccións:
- 35% de abstención, 65% de votos válidos.
- Dos votos válidos: 47% PP, 31% PSOE, 12% BNG, 1% UPyD, 1% IU, 2,5% outros.

É dicir, de cada 100 persoas abstivéronse 35 e votaron 65. Das que votaron,  30 votaron ao PP dándolle a maioría absoluta, 20 ao PSOE e 10 ao BNG. Cómpre salientar que as persoas que non votaron foron máis das que votaron ao PP (35 de cada 100 fronte a 30).
A enquisa publicada hoxe pola Razón augura que a abstención suba até un 45%, é dá a seguinte táboa de resultados:
- 40% PP, 28% PSOE, 11% BNG, 5% ANOVA, 4% EU, 4% UPyD, 3% CxG, 3% outros.
De acordo con esa enquisa, de 100 persoas non votan 45 e si o fan 55. Desas 55, o 40%, unhas 19, votarían ao PP (deixándoo ao borde da maioría absoluta de novo!), 13 ao PSOE e 6 ao BNG.
Comparando cos resultados de fai catro anos, vemos que se fai catro anos 60 de cada 100 galegos votaron ao PP, ao PSOE ou ao BNG (30, 20 e 10, respectivamente), nesta enquisa augúrase que só o farán 38 (19 PP, 13 PSOE e 6 BNG).
Que tanto o PP como o PSOE e o BNG perden, aproximadamente, o 30% dos seus votantes indica que o cansazo coa actual clase política galega semellaría afectar a todos os grupos con presencia institucional por igual.
Porén, cómpre lembrar aos desafectos que hai outras opcións con posibilidades reais de entrar no parlamento galego. E tamén lembrarlles que coa combinación deses 19 apoios de cada 100 galegos ao PP, se hai unha grande abstención, podería darse a renovación da maioría absoluta popular no parlamento galego (si, coas bandeirolas na rúa Xénova de Madrid, celebrando que a maioría social galega apoia as políticas do PP.)
Aínda hai tempo para que todos os protagonistas, candidatos, partidos e votantes, pensen con tempo o que queren para o 22 de outubro. Preto da metade dos galegos non pensan ir votar, quen vai pelexar por sacalos da casa?

No hay comentarios:

Publicar un comentario