lunes, 7 de mayo de 2012

De eleccións, coalicións e fundamentalismos

Cada vez que sae un artigo, un folleto ou un discurso coas propostas do novo proxecto común da esquerda galega aparecen comentarios de xente do Bloque dicindo que iso é o mesmo que propoñen eles. Falando con algúns dos seus votantes, que pasaron polas asembleas do proxecto, aparece sempre a mesma pregunta: ¿que diferencia hai entre eles? ¿por que debera deixar de botar ao Bloque e comezar a votar á nova forza? Coido que a clave do éxito do noso proxecto está en dar unha resposta correcta e clara a esa pregunta.
Efectivamente, o programa que estamos a desenvolver pode ser subscrito por xente que a día de hoxe considérase votante dun partido tradicional, máis ou menos minoritario, dende o PSOE a EU, dende o BNG a EQUO. Sorprendeume como participante na súa elaboración desde Ecogaleguistas que non resulta complicado facelo, porque en realidade o problema da división do voto de esquerda son os nomes e as etiquetas máis cas propostas.
Respondendo á pregunta dos meus amigos bloqueiros, cambia-lo voto desde as forzas tradicionais ao novo proxecto é necesario precisamente para xunta-lo voto e posibilita-lo cambio real nas nosas institucións. Ese é o obxecto do novo proxecto, que integra as ideas tradicionais de solidariedade social e mantemento dos servizos públicos de benestar coas novas propostas de solidariedade interxeneracional e sustentabilidade ambiental.
¿Que diferenza hai co BNG? probablemente a máis relevante sexa que aínda que moitos dos iniciadores do proxecto síntanse nacionalistas, é xente que comprende que para acadar a maioría social é preciso traballar xuntos coa xente non nacionalista. ¿Que diferencia hai coa EU? precisamente a contraria: aínda que boa parte dos iniciadores non se sinta nacionalista, está disposta a traballar xunto con eles para sumar esforzos. ¿Está o BNG disposto a ir nunha coalición electoral con EU e con EQUO, que defenden ao 90% as mesmas propostas? ¿están esas forzas dispostas a ir tamén? Se así fora, é obvio que este proxecto non tería nacido.
Non é polo tanto unha cuestión de programa senón de actitude e prioridades. A actitude é colaboradora e non excluínte, a prioridade é gobernar para muda-lo sistema antes que defende-la pureza ideolóxica de cada grupo. Sen medo a compartir ideas, dispostos ao debate e ao crecemento persoal desde unha actitude aberta, creativa e positiva. Non vemos razoable poñer a pureza ideolóxica ao 100% por diante da eficacia electoral e despois gobernar da man co PSOE, un partido cuxos dirixentes amósanse comodamente integrados no inxusto sistema vixente.
O novo proxecto trata de facelo á inversa, comezar xuntando o voto da esquerda social, maioritaria, para poder acadar o goberno como forza principal, e así poder impulsar propostas novas, diferentes e transformadoras, cun modelo de xestión participativo e transparente. Esa é a diferenza: a vontade prioritaria de sumar forzas sobre un programa común da esquerda galega, sen etiquetas, sen preguntar "e logo ti, de quen ves sendo?". A todo aquel que queira sumar, propoñer, axudar... as portas están abertas.

1 comentario: