jueves, 21 de julio de 2016

Cinco anos confluíndo

Comecei este meu blogue en xaneiro do ano 2011. Moito ten ocorrido dende aquela, foi o ano do 15M. Eu fun dos que saín, como tantos, ás rúas, ás prazas, a xuntarme coa xente que coma min vía na televisión os feitos emocionantes que acontecían en Madrid. Saín e asembleei durante semanas, xuntámonos ducias de persoas en xuntanzas rotatorias polas vilas da Mariña e do Occidente de Asturia onde comezou o debate da participación institucional.
Eu defendí sempre que si, que había que entrar nas institucións, e busquei un partido. Poxen 50€ para a fundación de Equo e fun a varias xuntanzas, pero estaba só na Mariña, e apareceu no 2012 Espazo Ecosocialista (Ecogaleguistas, de aquela), un partido verde, de esquerda e co obxectivo de limpar de marcos o minifundio da esquerda en Galicia, con data de caducidade segundo se fose acadando ese obxectivo. Tralo paso fugaz por CxG pronto consideramos que o foro era outro e apoiamos a confluencia de Anova e EU, xunto con Equo, para formar AGE.
Pouco a pouco AGE ficou nunha simple coalición electoral de EU e ANOVA e deixamos a nosa colaboración con eles para apoiar as Mareas cidadás, máis achegadas as nosas ideas de transparencia e participación cidadá. Nas municipais puxen toda a carne no asador porque triunfara a candidatura cidadá de Ribadeo en Común. Non puido ser por 15 votos.
Se Podemos tivera nacido dous anos antes probablemente eu estaría hoxe dentro da súa estrutura e non como simpatizante externo. Hai quen, como Celtia Traviesas, pasou por Espazo e está hoxe en Podemos, e véxoo con simpatía. Eu, polo meu compromiso coa sustentabilidade, prefiro manterme en Espazo Equo (hoxe ambalasdúas formacións están a cooperar políticamente), pero iso non quita que poida botar unha man cando ma piden con Anova, EU, Podemos ou calquera outra formación política ou movemento social no ámbito local. A confluencia ben entendida comeza por un mesmo. E eu conflúo.
Por iso, cando xente de Podemos Galicia debate sobre ir só ou non ás eleccións, ou cando din que eles son a confluencia, eu penso, primeiro, que a confluencia é o 15M. Que o 15M foi no 2011, non no 2014. Que moitos dos que participamos nas asembleas xa déramos o paso que eles deron no 2014, e que os recibimos con ilusión renovada, pois a súa chegada pode darlle un novo pulo ó proxecto que quixemos que fose o AGE. Persoaimente dáme o mesmo que ese proxecto se chame Mareas o Podemos, pero non todo o mundo é tan pragmático e desapegado coma os Ecogaleguistas orixinais, e sempre será máis doado xuntarse se ninguén di ós demais que deixen as súas siglas e se integren nunha formación xa existente. Tamén é probable que se os militantes de EU, ANOVA, Equo e Espazo entraran en Podemos de vez, as xentes de Podemos o sentirían máis como unha invasión ca como unha adhesión.
Dito isto, coido que apoiar a fórmula de Mareas en Común ten o aval de que os Ecogaleguistas optamos por ela. Sen pedir escanos, postiños nin cotas. De novo, nós confluímos.

Catedrais e Pancha: dous barcos cruzándose na noite


Fai dous anos xa que escribín para a Comarca un artigo titulado “As Catedrais: Parque Natural ou Plan Especial?”. Defendía nel que mentres que unha nova figura de protección -cuxa aprobación ademais non dependía de nós- non garantía unha mudanza real sobre o terreo, a utilización das ferramentas que están da man das autoridades locais, como é o urbanismo, poden supoñer cambios reais e ademais cambios que sexan os máis achegados á visión dos veciños de Ribadeo. Esta idea xurdía da observación do feito polos nosos veciños de Tapia e Castropol na praia de Penaronda -que comparten-, cuxa problemática resolveron cun Plan Especial de Protección da Paisaxe.

Dous anos despois daquel artigo, ven de rematar o prazo de alegacións establecido para o Plan Especial das Catedrais no que o Concello de Ribadeo investiu 50.000€ do noso orzamento municipal do ano 2015. Está a disposición dos ribadenses a proposta da consultora que gañou o concurso na web: “http://cmaot.xunta.gal”.

O resumo do que nela se di é que temos tres alternativas. Unha é deixar as cousas como están: non facer nada; a degradación e masificación da contorna seguirán a estragar os seus valores naturais. Optar por esta vía supón renunciar a medio prazo a eses valores e con eles ó seu atractivo turístico.

A segunda é a adaptación dos servizos e infraestruturas da zona a unha afluencia de público maior ca a actual, priorizando as condicións de accesibilidade no espazo á conservación dos valores do monumento natural. Inclúe o incremento da capacidade de accesos, aseos e duchas, aparcadoiros, casetas para os artesáns e centro de interpretación das Catedrais. Esta aposta suporía un axardinamento do espazo protexido, poñendo en perigo o seu status actual.

A terceira, que é a liña defendida polos autores do estudo como a mellor, prioriza a conservación e adapta a ela o uso do espazo. Propón o desmantelamento de todo o existente desde a vía da FEVE até a praia, levando todas as infraestruturas ás proximidades do apeadeiro de Esteiro (á dereita segundo se baixa desde a rotonda da N-634, antes de chegar ó paso inferior da FEVE). Alí se porían o aparcadoiro, o restaurante e se construiría o centro de visitantes.

Adoptar esta proposta –que lamentablemente sorprende pola súa coherencia-, seria e revolucionaria á vez, suporía poñer a Ribadeo como referente do turismo sustentable. Podería ser o primeiro chanzo na progresiva transformación do noso litoral -dende a costa hasta a N-634- nun grande espazo de lecer brando, con sendeirismo, roteiros a cabalo, carrís bici, etc., compatible cos usos agrogandeiros tradicionais, diluíndo a presión actual sobre a praia das Augas Santas -que sen dúbida seguirá a ser o referente- e incrementando o retorno económico da mesma sobre todo o concello.

Espero e desexo que sexa ese o camiño que pensa tomar Ribadeo, que eu vexo como un camiño de futuro, na liña do desenvolvemento sustentable do territorio. Espero, tamén, que os ribadenses sexamos quen de acadar un consenso sobre a defensa do noso litoral. Se estamos de acordo en gastar os cartos hoxe en darlle a volta ó que se fixo a contorna das Augas Santas, e sacar de aló o restaurante, os carteis, os aparcadoiros, o alumeado, as fosas sépticas e zonas axardinadas, ten sentido ó tempo introducir na Illa Pancha, outro espazo natural protexido ribadense, un hotel con aparcadoiros, alumeado, fosas sépticas, carteis e zonas axardinadas?